venres, 1 de outubro de 2021

-Canto do incerto manto-

Nin lume nin frol
na paixón que tocoume en sorte;
só un nó que me absorbe.
No escuro manto
feles e prantos.

Nin ouro nin ferro,
só deserto e máis deserto
neste poema irto que me ensome.
No escuro manto
desenganos.

Nin quietude nin revolución
no senlleiro berce que me chucha;
só baleiro e desexo.
No escuro manto
cantos de piedade.

Nin sequer misericordia
que me valla neste escuro manto!;
só desencantos, só desilusións!
Só.
Amando.

xoves, 5 de agosto de 2021

-Que non desaparezan os versos-

Oxalá que as luces
e as campás brincadeiras
nunca morran baixo o xugo
da funesta destra.
Que non desaparezan
noutra longa noite
os versos do poeta.
Oxalá que o frío fusíl
non conxele máis sorrisos
nin as mans subxugantes
esganen de novo o pensar.
Que non choren máis rapaces
aos libros finados pola iñorancia,
e as dentaduras aínda vivas
podrezan e caian no esquecemento.

... Que non desaparezan os versos
tras outra longa noite de pedra!

venres, 11 de xuño de 2021

-Valentes iñorantes!-

Partidario da liberdade,
proscrito da iñorancia.
Disparo versos de tinta
e bágoas tinguidas de carraxe
ante o maldicir feito home
(que de home non ten nada)
que reprime ao desolado
e recompensa ao saciado.
Disparo aturuxos dende o meu distinto berce
usando o puño como lanzadeira
das verbas que á fachenda ferir poidan
ao altivo e arrogante;
ao estúpido e parvo;
ao fanfarrón e fantoche:
a ti, ignaro do progreso.

luns, 11 de xaneiro de 2021

-A estrela máis brillante-

Entre un feixe de estrelas
unha brillaba e sorría
coa soa compañía
do que dende aquí a ollaba.

O que dende aquí a ollaba
refulxía de delor
por non poder tocala
en tódolo seu fulgor.

En tódolo seu fulgor
a estrela me miraba
querendo que a acompañara
na súa viaxe sen fin.

Na súa viaxe sen fin
saíu unha estrela máis forte
e eclipsou á miña en sorte
ata que a noite a volva a min.

E cando a noite a volva a min
non quero volver deixala
tan soa e desamparada.
A estrela que brilla en min.



venres, 8 de xaneiro de 2021

-Nunha mañá de inverno-

Nunha mañá de inverno
no momento de espertar
crin que as túas meixelas
queríanme bicar.
Meus beizos esquezidos
quixéronte namorar...
só atoparon baleiro,
non os puiden consolar.
Tódalas noites de luar
heiche cantar amores
que a meu querer te acheguen,
de min che fagan prendar.
I ,se é que non hai lueiro,
ata o mencer hei cantar
á espera de espertares
sorrindo co teu mirar
nunha mañá de inverno
no momento de acordar.

venres, 11 de decembro de 2020

-Sorrirte-

Déixame sorrirte
dende o berce onde habito.
Prometo non volver
a desoirte na miña memoria.
Falarche tal vez,
ou adorarte dende a distanza.
Déixame sorrirte
dende a amargura onde habito.




venres, 4 de decembro de 2020

Poesía de Rosalía de Castro -Castellana de Castilla- pertencente ao seu romanceiro "Cantares galegos"-

Castellana de Castilla
tan bonita e tan fidalga,
mais a quen para ser fera
ca procedencia lle abasta,
desíme, mi señora,
xa que os mostrás tan ingrata,
si o meu rendimento homilde
bascas de enoxo vos causa,
pois cando onda vós me achego
cuspís con ardentes ansias
i ese mirar de pombiña
volvés en fosca mirada,
tornando en sombrisa noite
o día que en sol se baña.
En vano intento, señora,
saber por qué me maltrata
dama dun alma tan nobre,
anque soberba por fama,
pois no é motivo a despreço
sintirse tan ben amada,
que as mesmas pedras, señora,
dun bon querer se folgaran.
Din que na nobre Castilla
así ós gallegos se trata;
mais debe saber mi Castilla,
que de tan grande se alaba,
que sempre a soberba torpe
foi filla de almas bastardas,
e sendo vós tan sabida,
nunca de vó-lo pensara,
que de tan alto baixando
vos emporcases na lama;
nin que chamándovos nobre,
tanta nobreza enfouçaras
imitando ós que vaidosos
no que está débil se ensañan.
Pero máis val que enmudeça,
pois tes condición de ingrata;
que predicar en deserto
da miña terra no é usanza.
Si fun curpabre en quereros
coma ningún vos amara,
por ser de terra gallega
e serdes vós castellana,
en paz, señora, vos deixo,
ca vosa soberba gracia,
e voume á Galicia hermosa
donde en xuntanza me agardan
o que non tendes, señora,
i o que en Castilla no hachara:
campiños de lindas rosas,
fontiñas de frescas augas,
sombra na beira dos ríos,
sol nas alegres montañas,
caras que nacen sorrindo
e que sorrindo nos aman,
e que índa mesmo morrendo
en sonrisiñas se bañan.
Alí, señora, contento
cantando o doçe "ala lala",
baixo a figueira frondosa,
en baixo da verde parra,
co-aquelas frescas meniñas
que mel dos seus labios manan,
cando en falar amoroso
"meigo" nos din en voz maina,
con tódalas de Castilla
nobrísimas castellanas
olvidaréivos sin pena,
anque sós vós tan fidalga.
Que aló saben ser altivas,
pero non saben ser vanas,
i é fácil con doçes tomas
olvidar tomas amargas.
Déchesmas vós, mi señora,
con despreço envenenadas,
inda con fero máis fero
que pelica de laranxa;
mais teño por que me pase
aquel sarrapio que escalda,
 teño unha dama nos Portos,
outra no Ribeiro de Avia;
si a dos Portos é bonita,
a do Ribeiro lle gana.